miércoles, 8 de julio de 2009

A culpa

Hai un sentimento universal, ataca a todos, a ricos e a pobres: A culpa. Existen distintos tipos ou formas de sentirse culpábel.
Podemos sentirnos culpábeis por acción ou por omisión: Por acción porque dicimos ou facemos algo do que non nos sentimos orgullosos, senón máis ben avergoñados. Por omisión porque deixamos de dicir ou de facer cousas que teríamos que ter feito.
A culpa é un sentimento que trastorna a túa existencia, converténdoa nun inferno particular do que non podes facer partícipe a ninguén por ese estúpido desexo de querer aparentar o que uno non quere recoñecer que é.
Moitos quixéramos ter feito as cousas ou dito sentimentos doutro xeito, poder cambiar os nosos feitos ou as palabras que nos fan sentir vergonza.
Chega un punto en que a culpa fai que incluso queiras mudar a realidade do que viviches ou do que pasaches: Non tiña opción soe ser a excusa máis recorrente, pero de verdade non temos opcións?
Sempre as temos, polo menos dúas: A vida é como unha interseccción de camiños, sempre podes polo menos andar cara á dereita ou cara á esquerda. Incluso cando a túa vida parece ter chegado a un punto de non retorno tes a opción de seguir ou de agardar a que pase o tempo preciso para que as feridas na alma non produzan tanta dor.
Continúo agardando........

lunes, 6 de julio de 2009

La sombra del viento versus La soledad de los números primos

.
La sombra del viento de Carlos Ruiz Zafón é unha xoia literaria, ten en común co libro La soledad de los números primos de Paolo Giordano, que se trata de dous dos libros considerados betsellers que encabezan as listaxes dos máis vendidos ademais de tratar ambos do mesmo tema: a soidade, aínda que vista desde perspectivas diferentes.
No libro de Zafón a soidade é a dos libros no Cemiterio dos libros esquecidos, pilar da historia de misterio e de investigación que nos leva á Barcelona da época franquista. No libro de Giordano a soidade é a de dúas persoas que xuntas ou alonxadas, sempre permanecerán soas.

O regusto que deixa cada un deles é diferente. A historia que conta Zafón é entrañable, misteriosa, inquedante, ten moitos matices. Se se puidese definir un libro polo sabor que deixa nun, ten un gusto doce.

Polo contrario, para min o libro de Giordano aínda que pulcramente escrito, adolece dun exceso daquelo que se prevé que acontecerá, un regusto agridoce que termina nun sabor amargo.
Non quero destruir o final pero prefiro libros cos que soñar que non aqueles nos que inexorablemente un sabe que o final é o peor dos posibles.

viernes, 19 de junio de 2009

Asa Larsson versus Stieg Larsson


"Aurora Boreal" é a ópera prima dunha autora sueca que comparte co afamadísimo creador da saga "Millenium" apelido e nacionalidade, aínda que non parentesco.

Ámbolos dous escritores son do mellor da novela negra dos últimos anos, auténticos fenómenos literarios, de lectura rápida, capaces de manter a tensión, de crear situacións de extrema violencia e de engaiolar aos lectores ata a derradeira páxina.
Porén, semella que só existe "Millenium", un fenómeno editorial ao que probablemente axudou o feito de que Stieg Larsson morrera sen ver publicada a súa saga.


Desgrazadamente coa terceira entrega da saga péchase a obra literaria de Stieg Larsson, iso sempre que non sexa certo o rumor que di que existe unha cuarta parte da saga inacabada que a súa parella se propón publicar en canto rematen as liortas pola herdanza do escritor.

Aínda con iso, temos a sorte de que a editorial Seix Barral ten previsto publicar máis cedo que tarde, as dúas novelas seguintes de Asa Larsson, co que podemos asegurar que a novela negra actual sueca atópase no máis alto do panorama literario mundial.

lunes, 15 de junio de 2009

O pracer de voar unha cometa

Onte subimos ao Monte do Gozo coa intención de tratar de voar unha cometa. Tras unha recua de intentos fallidos, unha persoa extraordinariamente amable que se atopaba voando unha cometa profesional xunto con tres rapaciños que nos daban mil voltas, adicounos o tempo suficiente para arranxar un problema de deseño e ensinarnos as técnicas básicas para voala.
É unha experiencia abraiante no momento en que estás loitando por manter esa cometa voando, facendo xiros e picados e retomando o voo. Un mundo o das cometas e unha experiencia entretida e gratificante. Moitas grazas a ese profesor anónimo que nos adicou o seu tempo e que conseguirá case con toda probabilidade que ir a voar unha cometa non se converta nunha anécdota senón nunha afición.

domingo, 14 de junio de 2009

Música del mes

O novo álbum de Conchita ten dúas cancións que eu as sinto como clarificadoras, que se poden aplicar a moitas cousas. Cas dúas eu identifícome plenamente coma algo que sentín no mes de marzo deste ano: Me Voy e Pasó.

Recomendacións de lectura para este mes



Comecei a ler o primeiro libro da saga do escritor sueco Stieg Larsson por recomendación e testarudez dunha moi boa amiga, xusto despois do drama persoal que acababa de ocorrer na miña vida. Tardei un pouco e coerlle o fío (principalmente polo estado de ánimo), pero a día de hoxe podo asegurar que a saga Millenium foi unha táboa de rescate que me sacou do máis profundo averno e consegueu terme entretido e recuperado as ganas e a afición por ler. Non quero destripar nada da historia, que quen queira a descubra. Xa falta menos para o día da publicación do terceiro volume da triloxía. O que sí recomendo os lectores e fans desta triloxía é que non vaian a ver a película: é un telefilme que mestura contidos dos dous primeiros libros sen fidelidade ningunha pola novela orixinal en cuestións éticas que pra min son o sustancial da historia.




Agradézolle a Millenium o feito de sacarme da catarse na que estaba metida e que espertara en min de novo o desexo por ler, por aprender, de feito desde aquelas duas novelas, polas miñas mans e mente recaeu un pouco de todo: ensaio e poesía en galego; novelas de distintos autores entre todos os que tamén quero subliñar a maravilla do libro "Paraíso inhabitado" de Ana María Matute, fiel ao seu estilo e facendo gala dunha xuventude non esquecida, o libro desprende ternura a medida que profundizas máis e máis nel.

Primeira parada: Roma


Co gallo de superar un drama persoal, recalei na cidade eterna unha semana no mes de abril.

A grandes rasgos pódese definir Roma como insondable, chea de cousas polas que paga a pena andar da perna, facer colas e morrer da calor, só por poder contemplalas, e iso a pesar de que para o concepto que temos do que é unha capital europea, Roma explota o seu turismo amosando unha imaxe de sí mesma desaliñada, caótica e incluso sucia. Aínda con todo non precisaría tirar unha moeda a Fontana di Trevi para ter a certeza de que voltarei se a vida e as circunstancias o permiten.

Non pretendo facer unha enumeración exhaustiva do máis relevante de Roma, aínda que sí do que máis me impresionou e para que esto teña algo de lóxica procurarei separalo seguindo algúns criterios de xeito que para quen esté interesado lle sexa máis doado atopar o que procura:



- Restos arqueolóxicos: Coliseo, Foro e Palatino, Columna e Mercados de Trajano, Termas de Caracalla, Panteón, Tomba di Cecilia Metella, Forum Boarium, Teatro de Marcello e Foro de Ottavia, Ponte Rotto, Portas Pia e Asinaria, Cordonata e Piazza del Campidoglio, Villa dei Quintilli, Columna e Templo de Adriano, Pie di Marmo.
- Igrexas: Sta. Maria in Cosmedin, S. Giorgio in Velabro, S. Omobono, Sta. Maria in Trastevere, S. Prieto in Vincoli, S. Clemente (sec. IV), Sta. Prassede, Sta. Maria Maggiore, S. Giovanni in Laterano, Sta. Andrea del Valle, Sta. Maria de la Pace, Sta. Maria della Vittoria, S. Carlo alle quattro fontane, Sta. Andrea al quirinale.
- Museos: Crypta Balbi, Museos Palatinos, Ara Pacis, Palazzo Altemps, Palazzo Massimo, Termas de Diocleciano, Museos Capitolinos.
- Obeliscos: Sta. Maria Sopra Minerva, della Piazza della Rotonda, de Cástor e Pólux, do Esquilino,
- Fontanas: Dei Trittone, delle Api, Fontanella del Facchino, di Trevi, delle Tartarugue, dei Quattro Fiume,
- Cousas curiosas: Cárcel Mamertina, Via Appia Antiqua, Boca della Veritá, Scala Santa e Santa Sanctorum, Monumento a Víctor Manuel, Triclinio Leoniano, Castel de S. Angelo, Villa Borghese, Crypta capuchina, Piazza de Spagna, Piazza del Poppolo,

Mención aparte merece o Vaticano: un consello se vas facer o tour completo segue unha orde para evitar colas: Cúpula-Grutas-Igrexa de S. Pedro- e Museos Vaticanos, así ao saír pola Capela Sixtina o regusto é agradable e non o de estar medio día de cola en cola.